A rehabilitación do futuro Centro Cívico na Praza Maior, xa a licitación

As obras suporán un investimento de máis dun millón de euros e permitirá poñer a disposición da veciñanza 900 m2 para servizos municipais e actividades sociais

Están financiadas con fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ e con fondos propios

Ponteareas avanza na creación do futuro Centro Cívico na Praza Maior, un espazo rehabilitado que porá a disposición de tecido asociativo e veciñanza máis de 900 metros cadrados para servizos municipais e actividades sociais. O Concello acaba de sacar a licitación esta obra que, como sinala a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, “permitirá dinamizar a Praza Maior e a súa contorna, favorecendo a revitalización urbana e comercial do centro histórico e ofrecendo ás e aos ponteareáns un espazo único no centro da vila”.

“Traballamos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, tamén a través deste proxecto innovador para poñer en marcha novos equipamentos públicos no corazón de Ponteareas, unha ferramenta verdadeiramente importante para a cohesión social dunha vila como a nosa. Unha dotación de servizos básicos e equipamentos para a veciñanza que ten especial relevancia na contorna na que vai nacer este novo Centro Cívico, cun alto número de edificacións desocupadas ou nun estado deteriorado que queremos recuperar”, destaca a rexedora.

As obras contemplan os traballos de rehabilitación do edificio, que contará con espazos para servizos municipais e actividades sociais, como zonas para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá ou unha oficina de información. O proxecto de obra inclúe un estudo de accesibilidade elaborado en colaboración con COGAMI para adecuar ás instalacións á realidade de persoas con mobilidade reducida. Ademais, o Concello está a traballar tamén co tecido asociativo así como co Consello da Infancia e Adolescencia para definir o destino das instalacións e axeitalo ás necesidade reais de Ponteareas.

A través deste proxecto o Goberno municipal do BNG-PSOE rehabilitará un edificio do centro histórico para “poñer en marcha servizos ata agora inexistentes, o que permitirá dinamizar a zona vella, tanto na contorna da Praza Maior como nas principais rúas que conectan con ela. Iso implicará ademais ampliar os usos comerciais e de servizos máis alá do uso hostaleiro actualmente predominante nesta praza”, explica a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.

A licitación sae por un importe de máis dun millón de euros. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ cofinanciará a actuación con 633.000 euros, mentres que o Concello achegará máis de 400.000 euros a través de fondos propios, dos que 243.000 corresponden ao Plan Concellos  2023 da Deputación de Pontevedra.

As entidades ou persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de novembro ás 23.59 horas.

No Comments

Post A Comment