O Concello asina o dereito de uso da planta baixa e primeira do edificio para o Centro de Dinamización Empresarial

Tras adquirir as plantas segunda e terceira en 2019, constitúese agora a servidume de uso dos outros andares para a instalación do ascensor que permita eliminar barreiras arquitectónicas

A rehabilitación do edificio será cofinanciada por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, hábitat saudábel’

Novos avances na transformación do edificio situado na Praza Maior número 13 no futuro Centro de Dinamización Empresarial. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, asinou ante notario a constitución en servidume de uso da planta baixa e primeira do inmoble, propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, o que permitirá ao Concello realizar as obras necesarias para transformalo nun edificio libre de barreiras arquitectónicas.

O Goberno municipal do BNG-PSOE adquiriu as plantas segunda e terceira no ano 2019, pero para instalar un ascensor e levar a cabo outras obras de acondicionamento que permitan a mellora da accesibilidade do edificio era necesario actuar tamén na baixa e primeira do inmoble. Coa constitución da servidume legal de uso, o Concello poderá levar a cabo os traballos de mellora a cambio dunha contraprestación económica de 3.542 euros para a Tesourería Xeral da Seguridade Social, titular das dependencias, unha compensación asumida ao 100% con fondos propios municipais

Deste xeito, o Concello dá novos pasos para o inicio das obras que transformarán este edificio situado en pleno corazón da vila “nun espazo co que dar impulso ao emprendemento local, fortalecer o tecido socio-económico e impulsar novas iniciativas empresariais que xeren dinamismo, emprego e riqueza na poboación a través dunha actividade estábel e planificada”.

Por outro lado, o Goberno local do BNG-PSOE está xa en proceso de adquisición da planta soto e das zonas comúns do inmoble, como a escaleira e o portal de acceso ás plantas xa municipais, necesarias para continuar co proceso de expansión da rede de calor municipal. O obxectivo é instalar nesta planta soto o intercambiador de biomasa e executar a instalación do RAC que dea servizo á segunda e terceira planta do edificio. Tras un acordo coa TXSS, o Concello adquirirá esta planta por un importe de case 19.000 euros, financiados ao 100% con fondos propios.

Deste xeito o Concello continúa a traballar para converter este inmoble nun centro con espazos de traballo para persoas emprendedoras, coworking e oficinas de viveiro de empresas, unha oficina de asesoramento, unha sala de formación modular e versátil ou unha zona para albergar o servizo SmartPeme, entre outros espazos. “Será un edificio deseñado contando coa opinión do tecido empresarial e pensado para ofrecer os servizos necesarios non só para dar un forte impulso á actividade económica da nosa vila, senón tamén para permitir que as empresas que xa están establecidas en Ponteareas poidan seguir avanzando”, salienta a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

As obras de reforma e acondicionamento do edificio para convertelo no Centro de Dinamización Empresarial están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’.

No Comments

Post A Comment