O Concello de Ponteareas non conta con infraestruturas axeitadas e suficientes para dar resposta a problemas de aloxamento vinculados a emerxencias sociais. Debe acudir a hoteis, a alugueres privados, ou derivar a persoas e familias completas a outros municipios. Ademais, tampouco conta cunha solución habitacional adaptada ás necesidades de mulleres que sofren violencia de xénero.
A operación promove a inclusión social e a loita contra a pobreza rexenerando 3 antigas vivendas de mestres en desuso, para responder a emerxencias sociais. Unha das vivendas está especificamente deseñada e dotada para albergar a mulleres que sofren violencia de xénero (e ás súas familias).
A rehabilitación mellora enerxeticamente a vivenda con intervencións na envolvente (fachada, peches e tellados), mellora da calefacción, e intercambiadores mecánicos de aire co exterior.
As vivendas son edificios intelixentes, na medida que contan con sensórica de control conectada directamente co Concello de Ponteareas, que as xestiona a través dun software específico (control de consumos e de usos, emerxencias de auga e lume).
A vivenda deseñada para acoller a mulleres que sofren violencia de xénero conta con botóns de pánico e alarmas directas á policía e a outros servizos do Concello de Ponteareas.
Adicionalmente, a operación inclúe actuacións específicas de comunicación dirixidas á participación da poboación.
O investimento total da operación ascende a 248.194,52 €, e forma parte da EDUSI do Concello de Ponteareas, que se financia cos fondos FEDER no marco do Programa Operativo Pluriregional de España.