Ponteareas amplía a súa rede de calor con biomasa para abastecer a novos edificios municipais

Permitirá levar esta enerxía renovábel ao Centro de Dinamización Empresarial, ao Centro Cívico e ao edificio de usos múltiples que se creará na Nave de Aceiros do Tea

Sae a licitación por un importe de case 305.000 euros que serán cofinanciados por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, hábitat saudábel’

Ponteareas continúa apostando pola innovación e a sustentabilidade no eido enerxético. O Concello vén de sacar a licitación as obras de ampliación da rede de calor pública, coa que se busca chegar e abastecer a edificios de titularidade municipal, incrementando e optimizando a potencia de produción dispoñíbel.

“Con esta nova iniciativa estamos dando novos pasos para facer de Ponteareas unha vila máis verde e sustentábel, xa que esta ampliación permitirá substituír en novos edificios o subministro de gasoil ou electricidade por biomasa de lasca producida en montes próximos, xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de incendios e garantindo unha contaminación cero”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Coa ampliación 2 da fase I da rede pública urbana de calor con biomasa poderase dar servizo e cubrir as necesidades de calefacción ou de aire acondicionado do Centro de Dinamización Empresarial, xa en fase de rehabilitación; do futuro Centro Cívico situado na Praza Maior e do edificio de usos múltiples que albergará a antiga nave de Aceiros do Tea.

O Goberno municipal do BNG-PSOE sinala que o aumento de potencia favorecerá o paso cara a unha economía baixa en carbono, dará pulo ao uso de enerxías renovábeis na vila e mellorará a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións municipais de Ponteareas. “A posta en marcha da rede de calor sitúanos como un concello pioneiro e innovador que aposta pola sustentabilidade non só como unha ferramenta para o aforro económico, senón tamén para diminuír as nosas emisións a atmosfera”, explica a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

As empresas e persoas interesadas en presentar a súa oferta poderán facelo a través de sede electrónica ata o vindeiro 18 de outubro ás 23.59 horas. O desenvolvemento desta actuación estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’. As obras, que terán un prazo de execución de 12 semanas, saen a licitación por case 305.000 euros.

No Comments

Post A Comment