Ponteareas mellora a comunicación con veciñanza e visitantes con sete novos paneis dixitais nas rúas

O Concello saca a contratación por máis de 125.000 euros a colocación e mantemento de carteis multimedia no centro urbano da vila

A iniciativa, que facilita a redución do uso de papel, está cofinanciada por fondos FEDER a través da estratexia EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’

Ponteareas promove o emprego das novas tecnoloxías en estratexias urbanas integradas para reducir a súa pegada de carbono. O Concello vén de sacar a contratación o subministro, instalación e mantemento de sete paneis multimedia nas rúas do centro urbano de Ponteareas nos que se publicará información relevante do municipio e das actividades que se celebran, un mapa da vila ou información dos aparcadoiros dispoñíbeis.

“A colocación destes carteis dixitais é un paso máis na aposta por facer de Ponteareas unha vila máis sostíbel, xa que nos permitirán, entre outras cousas, reducir o emprego de papel na nosa comunicación coa veciñanza”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández. E permitirá facelo, como destaca a rexedora, “contribuíndo ao desenvolvemento e modernización da nosa administración local, reforzando a nosa capacidade tecnolóxica, combinando de xeito eficaz a potencia gráfica e o contido multimedia para atraer a atención da cidadanía e das persoas visitantes e transmitirlles información que se considere relevante”.

Estes paneis súmanse ao xa existente na rúa Redondela e estarán situados na Praza Maior, na Avenida de Castelao, na Praza Bugallal, na rúa Doutor Fernández Vega, na estrada Trovador Xoán García de Guillade, na Avenida de Galicia e na esquina da praza Concha Brey ente a rúa Constitución e a rúa Reveriano Soutullo.

A segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, recalcou que estes carteis multimedia permitirán ao Concello “dispoñer dunha canle de comunicación cidadá que se converterá en punto clave de referencia para estar informados e informadas sobre temas importantes e as novidades do municipio, pero tamén nun novo servizo para publicar información relativa a asociacións, comerciantes… fomentando así a participación veciñal no proxecto”.

A iniciativa sae a licitación por máis de 125.000 euros que estarán financiados ao 80% con fondos FEDER a través da estratexia EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ e o 20% restante con fondos propios do Concello. As entidades e empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de abril.

No Comments

Post A Comment