O Concello mellorará a eficiencia enerxética do Centro de Día de Ponteareas

O Concello mellorará a eficiencia enerxética do Centro de Día de Ponteareas

O proxecto, aprobado este luns en Xunta de Goberno, estará cofinanciado por fondos europeos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’

O Concello de Ponteareas continúa dando pasos na súa aposta por mellorar os servizos e instalacións municipais, ao tempo que camiña cara unha vila máis sustentábel. O Goberno local do BNG-PSOE aprobou este luns en Xunta de Goberno o proxecto técnico para a mellora da eficiencia enerxética do Centro de Día, situado na rúa Santa Ana. O obxectivo é “mellorar o confort dos usuarios e usuarias ao tempo que se dá unha mellora conservación do inmoble, acondicionando interior e exterior do edificio e conseguindo unha mellora substancial do illamento térmico e unha redución do consumo anual de enerxía non renovable, unha estratexia que dende o Concello xa estamos a aplicar en distintos edificios públicos”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O proxecto conta coa autorización sectorial da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, dependente da Xefatura Territorial da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e suporá un investimento de case 43.500 euros. A actuación estará cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat saudábel’ e nun 20% con fondos propios.

As obras previstas contemplan a limpeza e reparación da fachada, o levantamento de carpintaría exterior existente e a instalación dunha nova, e o illamento exterior das fachadas e do falso teito existente, así como a renovación da pintura interior. Con esta actuación, “a mellora na eficiencia enerxética situarase nun dos estándares máis altos fixados pola Unión Europea, que ademais é un dos obxectivos polos que a estratexia ‘Ponteareas, Hábitat saudábel’ acadou a confianza de Europa”, como salienta a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

No Comments

Post A Comment